martes, 27 de noviembre de 2012

Éxito da Semana da Ciencia 2012


 O Concello de Vedra ven de celebrar esta pasada fin de semana os últimos actos dunha nova edición da súa  Semana da Ciencia que nesta ocasión adicou ás enerxias e desenvolvemento sostible, aproveitando que a ONU ten declarado este ano, 2012, como o Ano Internacional da Enerxía Sostible para Todos.

O actos que comezaron  cunha exposición elaborada polo CSIC titulada A enerxía móvenos, que tivo lugar no CPI de Vedra, continuaron cunha conferencia a cargo de Rosa Núñez, técnico do INEGA no Centro sociocultural de Vedra, o martes 20 de novembro, quen disertou sobre Enerxía e desenvolvemento sostible.

Vedra en ciencia 2012, continuou o sábado 24 cunha  charla- coloquio a cargo de Javier Vilas Giadanes (Xefe de Proxectos en Enerxías Renovables) sobre as Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética. Seguidamente presentouse o documental elaborado polas persoas maiores co título “Enerxía Sostible no Fogar”.




O domingo 25 celebrouse a Feira da Ciencia, que nesta ocasión presentaba como temática as enerxías renovables e todas as súas posibilidades. Foi esta unha iniciativa educativa que mobilizou a 217 escolares que participaron cos seus traballos, superando todas as expectativas iniciais. Ademais esta Feira reuniu tanto aos protagonistas e creadores dos proxectos coma aos pais e nais que gozaron das exposicións dos pequenos e aos mestres e mestras dos diferentes centros que se achegaron ata o Pavillón Municipal, no que se xuntaron máis de 350 persoas, o que fala do enorme éxito da convocatoria.

Despois da exposición de todos os proxectos da Feira da Ciencia ante as persoas asistentes e o xurado (que polo elevado número de traballos presentados tiveron que  dividirse en dous equipos, un para avaliar as categorías de infantil e primaria e outro para os de secundaria) foi o turno do grupo de teatro do CPI de Vedra que representaron “O Enterro da Bombilla”, obra creada para a ocasión representando a substitución das lámpadas tradicionais polas led, tal como establece a normativa para a partir deste ano.

Para finalizar e como broche de ouro deuse a coñecer o veredicto do xurado e repartíronse os premios de participación para todas as persoas participantes na feira.

Dende logo foi un 25 de novembro moi especial para Vedra e que ademais da man da Asociación de Mulleres Berenguela na Feira tivo tamén un recuncho para o recordo da conmemoración do Día Internacional en Contra do Maltrato de Xénero.

No hay comentarios:

Publicar un comentario